Blogia
José Fidalgo Pérez. In memoriam.

OS ANOS EN ARZÚA

Naceu José Fidalgo Pérez en Arzúa?

Naceu José Fidalgo Pérez en Arzúa?

Aínda que de momento non temos atopado nengún documento sobre o nacemento de José Fidalgo en Arzúa (rexistro civil, padrón municipal, rexistros parroquiais), si hai testemuños indirectos que así o afirman. Porén, hai outros que o sitúan noutros lugares, aínda que con moi pouca probabilidade de ser exactos.

Partimos da obra máis documentada arestora sobre o destino dos republicanos españois que foron ingresados nos campos de concentración nazis. Referímonos a Libro memorial. Españoles deportados a los campos nazis (1940-1945).

Nesta obra de Benito Bermejo e Sandra Checa, rexístranse os datos de José Fidalgo Pérez. Estes historiadores sitúan o nacemento de Fidalgo en Arzúa, e máis concretamente na parroquia de Castañeda, o día 1 de agosto de 1910 .

Hai outros listados, pero máis imprecisos. Como di José Luis Gavilanes:

<< É o caso de Amadeo Sinca Vendrell, que foi o primeiro español (despois de franceses e italianos) en dar testemuño do martiroloxio de Mauthausen-Gusen, en 1946, a través do seu libro Lo que Dante no pudo imaginar (modesta publicación de 1.500 exemplares, editada en español, aínda que primeiramente en Francia), no que figura unha lista de 2.476 españois falecidos en Gusen II, desde 1940 a 1944, “según consta nos arquivos do devandito campo que obran no noso poder”, coa data de nacemento, defunción e lugar de nacemento dos deportados, pero advertindo que é relación incompleta. (...) Posteriormente, en 1969, en edición francesa, Manuel Razola e Mariano Constante publicaron no seu libro Triángulo azul. Los republicanos españoles en Mauthausen, un apéndice cunha lista de 4.074 falecidos no complexo de Mauthausen, máis completa, pois recolle o nome dos mortos españois en tódolos campos dependentes de Mauthausen, pero sen a anotación da data de nacemento dos falecidos. Ámbalas dúas listas conteñen bastantes erros en apelidos e poboacións, pois eran anotadas a man por xente doutras nacionalidades que traballaban na oficina de rexistro do campo.

A lista máis completa dos deportados españois falecidos no complexo concentracionario de Mauthausen é a do FEDIP (Federación Española de Deportados e Internados Políticos), que tivo a súa sé en París ata o 27 de setembro de 1984, data na que, sendo ministro de Cultura un deportado, Jorge Semprún, cede o seu arquivo ao Estado español, cuxa propiedade corresponde ao Ministerio de Cultura. En 1991 trasládase todo o material ao Archivo General de la Guerra Civil, en Salamanca, onde actualmente están depositados estes fondos documentais.

Unha copia cos datos dos españois rexistrados pola Gestapo na Politische Abteilung de Mauthausen foi realizada polo español Casimiro Climent, que a mantivo oculta ata a liberación do campo. Juan de Diego, outro español empregado na oficina de rexistro como responsable de defuncións, levou a cabo un listado de españois, que incluía o enderezo en España de cada un deles. >>

 

Anotacións de José Luis Gavilanes Laso a GARCÍA GAITERO, Prisciliano: Mi vida en los campos de la muerte nazis. Edilesa. León, 2005. pp. 35-36.